Sunday 19 de May de 2024

A Xunta asesora ao presoal dunha ducia de concellos da Comarca de Ferrol sobre a aplicación das novas directrices da paisaxe


O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou esta mañá aos concellos da comarca de Ferrol a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entraron en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou esta mañá o director do IET a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Ares, Mugardos, Miño, Vilarmaior, Irixoa e Monfero no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no edificio administrativo da Xunta na cidade departamental.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva varias semanas celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país en materia paisaxística.

A Xunta da valor a este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.